Francisco Asorey, escultor galego
Loading...
Identifiers
Publication date
Authors
Advisors
Tutors
Editors
Journal Title
Journal ISSN
Volume Title
Publisher
Abstract
En 1959 o catedrático da Universidade de Santiago, Ramón Otero Túñez, publica a obra: El escultor Francisco Asorey. Trátase dun completo estudo sobre a obra do escultor cambadés feito con testemuñas de primeira man, porque o escultor aínda vivía nesa data. Pero 56 anos da publicación desa obra penso que é necesaria unha revisión do legado artístico do escultor, feito á luz da evolución da historia da arte nos últimos anos e coa perspectiva dos máis de 50 anos transcorridos.
Esta tese de doutoramento estrutúrase fundamentalmente en catro capítulos nos que se fai un percorrido pola traxectoria vital do artista e sobre todo un estudo das súas obras máis significativas. O primeiro capítulo aborda os anos de formación do escultor: Francisco Asorey nace en Cambados, Pontevedra, e marcha sendo un adolescente ao Colexio dos Salesianos de Sarriá, Barcelona, onde aprende o oficio de imaxineiro e toma contacto co estilo modernista-simbolista. Pasará logo ao Colexio, tamén Salesiano de Barakaldo e logo a Madrid. Rodin foi un referente nestes anos. Todos os escultores do ambiente madrileño imitaban ao escultor francés, pero ao noso inquedo escultor non lle gusta o que ve e empeza a investigar, na busca dun camiño propio que atopará no primitivismo da escultura románica compostelá. En 1919 instálase definitivamente en Santiago. O segundo capítulo aborda as obras dos anos 20, moi vinculadas ao movemento nacionalista da Irmandades da Fala, do que o escultor foi membro. O terceiro capítulo céntrase nas obras dos anos 30, a culminación artística do escultor coa realización dos grandes monumentos como o de Curros na Coruña ou o de san Francisco en Santiago. A Guerra Civil tronza esta evolución e no capítulo cuarto estúdanse as obras posteriores á Guerra, o momento álxido da súa carreira xa pasara pero o artista realiza algunhas obras de gran calidade nesta etapa.
Nas conclusións finais abórdanse cuestións como a relación de Asorey coa crítica do seu tempo e a relación un pouco tensa coa xeración de artistas galegos coñecida como Os Novos ou renovadores. Chego á conclusión de que as influenzas entre estes artistas foron moi grandes (pero non recoñecidas) e que deben ser revisadas as contribucións de Asorey á escultura galega do s. XX, que foron moi importantes.
Finalmente no capítulo seis faise unha catalogación da obra de Francisco Asorey, apórtanse fotografías e datos técnicos e na que se recollen 135 esculturas (algunhas delas inéditas), localizadas en monumentos, institucións ou coleccións particulares ou documentadas en libros ou fotografías.
Description
Bibliographic citation
Relation
Has part
Has version
Is based on
Is part of
Is referenced by
Is version of
Requires
Sponsors
Rights
Esta obra atópase baixo unha licenza internacional Creative Commons BY-NC-ND 4.0. Calquera forma de reprodución, distribución, comunicación pública ou transformación desta obra non incluída na licenza Creative Commons BY-NC-ND 4.0 só pode ser realizada coa autorización expresa dos titulares, salvo excepción prevista pola lei. Pode acceder Vde. ao texto completo da licenza nesta ligazón: https://creativecommons.org/licenses/by-nc-nd/4.0/deed.gl