Actitudes, ansiedade e medo á morte e a súa relación cos hábitos tóxicos e sexuais nos adolescentes
DATE:
2015-12-14
UNIVERSAL IDENTIFIER: http://hdl.handle.net/11093/580
SUPERVISED BY: Lopez Castedo, Antonio
DOCUMENT TYPE: doctoralThesis
ABSTRACT
O interese polo fenómeno da morte remóntase ás orixes do home. En tódalas
sociedades humanas a conciencia da morte desempeñou un papel primordial na
constitución da mitoloxía, a relixión e a filosofía. A preocupación pola morte ten
ocupado un lugar privilexiado entre os mitos, ritos e as actividades creadoras dos homes,
pois é o acontecemento universal e irrecusable por excelencia.
O estudo da morte no trascurso dos anos deu lugar a súa conceptualización con
diversidade de significados vencellados estreitamente cos sistemas socioculturais de
cada momento. Na actualidade segue sendo un campo científico de moito interese, por
iso dende ó século pasado ata a actualidade, numerosas investigacións sobre todo do
ámbito da psicoloxía, da medicina e da socioloxía teñen contribuído a melloran a súa
comprensión. No noso medio, esta produción científica aínda sendo escasa non deixa de
medrar no seu interese.
O xeito de enfrontarse a morte e as actitudes cara ela teñen sufrido moitas
transformacións na sociedade contemporánea. Os cambios xerais na estrura social e
económica co paso da sociedade rural a industrial e as trasformacións tecnolóxicas no
campo da medicina deron lugar a cambios importantes nos comportamentos e actitudes
cara a morte. Por outra parte, o maior coñecemento grazas ó abordaxe científico
móstranos un campo de enorme complexidade e con diversidade de variables e
factores relacionados. Así pois, e partindo desta realidade poliédrica, nos últimos anos,
todo o relacionado coa morte vén sendo un foco de crecente interese para o pensamento
científico. Despois da Segunda Guerra Mundial xorde a Tanatoloxía como ciencia e
campo interdisciplinario. A partires de entón, á diversidade de estudos dende os
diferentes ámbitos súmase tamén a aparición de escalas, métodos e técnicas específicas
para a súa medida de xeito obxectivo.
A complexidade do fenómeno fai que o significado e actitudes ante a morte,
presenten múltiples manifestacións, suscitando cognicións e emocións moi variadas, a
maioría de natureza negativa ou de malestar para o individuo. Este malestar ante a
morte asócianse con diversos estados de emoción, principalmente actitudes negativas,
ansiedade, medo, depresión e obsesión. Entre as respostas emocionais xeradas máis
frecuentemente pola morte están as actitudes negativas, a ansiedade e o medo
(Limonero, 1996; Tomás-Sábado, Limonero, Gómez e Templer, 2004-2005), aspectos
que investigamos no noso estudo.
Partindo da aproximación conceptual do malestar ante a morte, propuxémonos a presente investigación onde se pretende coñecer a relación entre actitude, ansiedade e
medo á morte e o consumo de tóxicos e condutas sexuais que manteñen os adolescentes.
Partimos da idea de que desenvolvemento físico, psicolóxico e social que implica a
etapa adolescente que analizamos, está ligado a maduración cognitiva que lle permite os
mozos novos posicionamentos e emocións ante a vida e a morte e tamén a instauración
de novos comportamentos ou estilos de vida que manteñen o seu benestar ou poñen en
risco a súa saúde.
A investigación realizouse sobre unha mostra de 1128 suxeitos de idades
comprendidas entre os 16 e os 19 anos, de ambos sexos, escolarizados en centros
públicos e privados, do medio rural e urbano de toda a comunidade galega. Para a
obtención dos datos recabóuse colaboración voluntaria na participación do estudo e para
cumplimentación dos instrumentos de medida propostos. A idade dos suxeitos estudados
correspóndese co final da adolescencia media e a adolescencia tardía, descrita por
Krauskopof (2004) e caracterizada pola preocupación pola afirmación persoal e social.
O noso obxectivo xeral é coñecer e comprender mellor ó ser humano na súa
etapa de desenvolvemento adolescente a traveso da significación e repercusión que ten a
morte na súa existencia, nos seu estilo de vida e benestar. De xeito máis concreto
pretendemos coñecer as actitudes, emocións de ansiedade e medo ante á morte en
rapaces e rapazas do noso medio escolar, profundar no coñecemento do consumo
abusivo de sustancias tóxicas e condutas sexuais dos adolescentes escolarizados e
determinar a existencia de relación entre o consumo de tóxicos e condutas de risco
sexual e as actitudes, ansiedade e medo a morte.